Home
Coira

Foto: Xurxo Guitián

 

Texto: Carme Giráldez Salgado

 

O cineasta Jorge Coira, con múltiples facetas no seu traballo, acaba de gañar un Goya á mellor montaxe polo filme El desconocido, e veu directamente da Academia do Cine en Madrid a un festival único no mundo: o LAV. Nós non podiamos deixar pasar esta ocasión para falar con el.

Xa levas dous anos como mestre no LAV, como cualificarías esta experiencia?

Como unha experiencia única. Hai moitos cursos de audiovisuais en todo o mundo pero o LAV é absolutamente único, eu non coñezo nada parecido. A mestura de cursos e tipo de xente, eu nunca a vin. É marabilloso.

Que prefires, vir de alumno ou de mestre?

Este ano xa é o terceiro que veño a dar un curso e non sei cantas veces vin de alumno. O malo de vir de mestre é non poder asistir aos cursos. Vir de profesor é moi divertido pero case prefiro vir de alumno.

Que diferencias máis notables atopas entre o ano pasado e este?

O que cambiou moito foi o tipo de curso. Non é o mesmo dar un curso de montaxe que dar un de dirección de actores e actrices, son mundos totalmente diferentes, pero, fóra diso, o ambiente vén sendo o mesmo. Outro cambio importante é que este ano non estivo Abelardo, que foi quen realmente me introduciu no LAV; por unha parte, gustaríame moito compartir esta experiencia con el, pero, por outra banda, sinto que, dalgún xeito, el creou esta familia e fomos quen de facer a 9ª edición do LAV, porque non é cousa só dunha persoa soa, é cousa dun grupo.

Como experiencia propia, cal foi o ano que máis che gustou?

Todos foron moi especiais, pero quizais o primeiro ano que vin dar un curso, porque era a primeira vez que daba un curso e desde aquela, comezaron a chamarme e dei bastantes.

O ano pasado impartiches un curso de teoría da montaxe e este, de dirección de actores e actrices. Cal destas facetas che gusta máis?

Entusiásmanme moito as dúas, a montaxe quizais sexa un traballo menos estresante e máis tranquilo, pero tamén máis solitario, e na dirección de actores a verdade é que se pasa mellor e é máis divertido.

DSC_1711

Jorge Coira e Carme Giráldez durante a entrevista. Foto: María Carballido

Por que decidiches dedicarte ao cine?

Porque non tiña outra saída, nunca pensei facer outra cousa. Eu comecei a dicir que quería ser director de cine en 7º de EGB, e creo que foi porque me gustaba ver películas e, de súpeto, descubrín que hai alguén que está detrás de todo. Tamén me marcou moito un libro que lin de François Truffaut, no que entrevista a Hitchcock, o director de Psicosis.

Cando e onde comezaches a exercer?

Empecei xa, como mencionei antes, en 7º de EGB, pero a miña primeira curtametraxe foi en 2º de BUP, e dende aquela continuei facendo cousiñas ata que comecei a gañerme a vida cando tiña 25 anos. Aínda que os primeiros traballos foron como auxiliar nalgunhas películas, o meu primeiro traballo remunerado foi na TVG facendo anuncios de películas, o cal para min foi estupendo, porque tiña que ver unha película cada tarde. Comecei a gañarme a vida como director dous anos despois, no 98.

Que tiveches que estudar para ser o que es?

Pois cando eu acabei o instituto en Galicia non había estudos de cine. Pensei en ir para Madrid ou Barcelona pero quería quedar aquí, concretamente en Santiago, e comecei a estudar filoloxía. Un pouco despois abriu unha escola de audiovisuais na Coruña e dende aquela hai moitas máis. Eu realmente aprendín facendo, vendo moitas pelis e lendo moitos libros. Lamento non ter estudado cine pero foime ben así. E fun a cursos que me abriron moito a mente.

Cal foi, entre a túa filmografía, o traballo que mellor resultado che deu?

Creo que 18 comidas, aínda que lle teño moito cariño a todos, mesmo os que non me saíron tan ben. 18 comidas é unha película pequena, aínda que con moito público, pola que recibín moitos premios e pasei un ano viaxando.

Cres que é dificil exercer o teu traballo dende Galicia?

Si, sen dúbida; tamén é certo que agora é difícil pero antes era imposible. Nos anos 70 e 80 non había unha soa persoa en Galicia que vivise só do cine, por exemplo, Chano Piñeiro era farmacéutico.

Para ti, cales son os requisitos para ser un bo director?

Non existe un prototipo, cada director é diferente. Cousas básicas, eu creo que o máis importante para ser director é escoitar, non tanto contar o que ti tes dentro senón escoitar aos demáis, o que pasa na vida ao teu redor. E ser humilde.

Cres que o premio que acabas de recibir ten un papel importante na túa carreira?

Polo de agora non o sei, xa veremos, espero que poida supoñer un empurrón para algún dos proxectos nos que estou a traballar.

E cales son eses proxectos que estás tramando?

Son proxectos! (risas) Non o quero dicir, non porque dea mala sorte, senón porque, se non están pechados, para que vou falar deles? O que si che podo dicir é que teño en marcha unha obra de teatro, duas películas e unha serie.

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s