
Xornalistas por un día
Texto: as profes e o profe Foto: LAV016
Queridas e queridos xornalistas por un día:
As profes e o profe do obradoiro que fixestes a fin de semana queremos darvos as grazas polo voso traballo, a vosa motivación e a vosa rigorosidade. Ademais disto, e sobre todo, felicitarvos da nosa parte e de parte de toda a organización do LAV016. Poñerse á fronte do gabinete de prensa dun evento como o Laboratorio Audiovisual de Vedra non é unha tarefa fácil, que non todas as persoas están dispostas a asumir e menos na fin de semana. Vós afrontastes o reto con soltura e demostrastes sobradamente a vosa capacidade. PARABÉNS, con maiúsculas.
Ao mesmo tempo, pedirvos desculpas se nalgún intre fomos nós os que non soubemos estar á altura, se vos aburrimos un chisco coa información teórica e se improvisamos outro chisco no apartado práctico. O xornalismo é un pouco así, enfrontarse ao incerto para darlle un sentido. Para nós tamén foi un reto co que aprendemos moito moito e xa tomamos nota dalgunhas cousas para mellorar en vindeiras ocasións.
No noso caso non traballamos habitualmente con rapazas e rapaces da vosa idade e xa tiñamos ganas de facelo. A miúdo escoitamos xuízos de valor sobre as xeracións mozas que non nos gustan moito, feitos por persoas que parecen esquecer que algunha vez tiveron a vosa idade e que nós “as persoas adultas” somos os vosos referentes. Se algo vos desacouga a vós, será porque nós tamén estamos a facer algo mal. Dicíavos Jorge Coira na entrevista que lle fixestes que “o máis importante para ser director é escoitar” e nós queremos trasladalo á relación dos que somos máis maiores cos que sodes máis novos. Temos que aprender a escoitarvos máis e mellor.
María e Alba, que sigades mantendo a vosa amizade e formando un equipo de redacción tan harmónico. Minia e Juan, fostes os community managers con máis sentido do humor que puidemos ter. Alba, que cumpras o teu soño de converterte en fotógrafa. Adrián, serás un filólogo rigoroso e con madeira de comunicador. Marta, divertida, traballadora e boa compañeira, imprescindible en calquera equipo. Carme, espilida como un allo, esperamos que confirmases a túa vocación xornalística. E Xurxo, o máis noviño, inquedo e curioso, que descubriu a súa faceta de entrevistador.
Reiteramos, moitas grazas e parabéns.
Sen máis, convidarvos a manter o contacto con nós e a participar en vindeiras edicións.
Unha aperta grande e colectiva!